Fernando Vázquez volve a San Lázaro nun partido no que imaxina a un rival que lle plantará cara: «Espero a un Compostela con gañas de quitarnos a pelota, de ter o balón. Coñezo ao adestrador, a súa forma de actuar e non creo que se traizoe. Vai ser unha pelexa para ver quen a recupera antes e quen a ten mellor». Non gardou eloxios para Yago Iglesias, técnico do Compos: «Véxoo como un adestrador con capacidade para aprender, cunha boa formación. Ademais desa inquietude, tamén o ten que explicar porque é profesor na escola de técnicos. Cando tes que explicar unha cousa tes que dominala máis que simplemente sabela. Leva varios anos no Compos, iso dalle vantaxe, e xa o puxera ao borde do ascenso varios anos. Ten moito mérito e oxalá os leve a Segunda A«.
Con respecto á mellora que debe mostrar o Deportivo despois da primeira xornada, o adestrador teno claro: «A nosa idea era facer a presión un pouco máis altos ante o Salamanca. En algún momento si que o fixemos, pero outras veces o equipo sentíase máis cómodo repregando. A nosa idea é ser máis agresivos, máis altos. Algo como o que fixemos no segundo tempo. Pero as cousas non saíron ben e un pouco ten que ver coa seguridade, a confianza do equipo a nivel xeral. Tamén co seu estado de chispa e esa agresividade que o equipo ten que mostrar cando está en plena forma».
Fernando Vázquez non quixo dar pistas sobre o once que sacará ante o Compostela e apuntou que necesita máis partidos para sinalar titulares e suplentes: «É pronto para tomar decisións sobre qué futbolistas van ser fundamentais. Sei como está o equipo, como chegou e polo tanto son respectuoso cos futbolistas porque a responsabilidade de que estean así é miña. Hai que esperar uns partidos para ver o potencial de cada un. Ademais teño cinco cambios por partido e pola miña forma de actuar case sempre fago os 5. Van ser fundamentais 15 futbolistas esta temporada, como mínimo«.
Fernando Vázquez e a súa volta a San Lázaro
Fernando Vázquez non oculta o especial que é xogar en Santiago e volver a San Lázaro: «Santiago é a miña cidade. Antes do mundo profesional, eu era compostelanista. Santiago transformou a miña vida. Teño un cariño especial e recordo con moito cariño aqueles anos. Estando en Lugo, cando me chama o Compos… podedes imaxinar. Saín correndo pola estrada arriba dando berros de alegría. Foi una elección do presidente e de Fidalgo, tiveron a valentía de coller a un rapaz de Segunda B e poñelo en Primera. Tiven esa sorte. Foron anos incribles, impresionantes. Cun presuposto raquítico… Eu estaba con toda a inxenuidade, non tiña nin representante. Estaba só, nun mundo de ‘yupi’ e quizá ese fora un erro grave meu. Non estar ben asesorado«.
Trilli, outro diamante al que pulir
Fernando Vázquez tamén tivo palabras para Trilli, central do Fabril que esta semana adestrou co primeiro equipo: «Vino xogar no Fabril algún amigable. Sei os seus antecedentes e decidín velo en persoa. Gustoume todo o que me ensinou onte. Haberá que coidalo, perfeccionalo. Vexo capacidades nel. Pero ter talento non é sempre sinal de éxito. Hai moitos rapaces coma el en idade xuvenil, con tanto talento ou máis, pero non van chegar todos. Ten que ter sorte, prepararse e crer que pode chegar a ser profesional».