Faltaba unha voz importante por escoitar no deportivismo despois da confirmación do descenso do Deportivo a Segunda B. E esa era a de Fernando Vázquez. O adestrador leva dúas semanas de pretempada en Abegondo e aínda non comparecera ante os medios, pero fíxoo hoxe para dar a súa versión sobre o acontecido: «Eu non perdín as esperanzas aínda. Asómbrome de que todo o mundo diga que teño que aceptar que estamos en Segunda B. E todo o mundo di que xa está, ocorreu, non hai explicacións, pero haino que aceptar. Pois eu non o acepto. Teño a miña esperanza, porque non podo aceptar estar en Segunda B sen ser xulgados. O Dépor non foi xulgado. A nosa teoría de que houbo vulneración non está xulgada. Perderon a perspectiva e falaron doutras cousas coma Tebas, o Fuenlabrada… Nós mantemos que houbo vulneración e eu espero que alguén se pronuncie. Onde está a xustiza deportiva? Eu non a vexo. O xuíz instrutor da RFEF di que houbo desigualdade e que o Dépor competiu en inferioridade. A que esperan para contestar isto? Non ten nada que ver con que o TAD diga que é competente o xuíz da Liga. Nós falamos de se houbo vulneración. Eu estou esperando aínda iso».
O de Castrofeito cargou con dureza contra o CSD: «A decisión de seguir adiante coma se nada pasase foi política. Había un empate entre Federación e Liga e a decisión de Irene Lozano, presidenta do CSD… que por certo aínda non a escoitei falar nin explicar isto publicamente. E está elixida por un partido democrático para un cargo no que debería dar explicacións. Está sen explicar a clave da situación, quen decidiu que non se xogara o noso partido e xogar o resto. A RFEF di que foi a Liga, a Liga di que foi a RFEF… todos teñen certo remordemento. Logo o CSD di que a persoa que o ía representar na reunión non tiña conflito de intereses cando o seu fillo traballa para Tebas. Como non vai haber conflito de intereses? Somos tontos nós agora? O comportamento do CSD foi determinante. Elixe ao TAD, que tampouco pensemos que é un tribunal independente… para min todo isto é lamentable».
Fernando Vázquez, con forzas despois dun momento de dúbida
Fernando Vázquez confesou que pasou días malos despois da confirmación do descenso e que en algún momento incluso meditou a súa continuidade: «Tiña que facer recapitulación da tempada pasada, como fixen. E gustaríame ter cumpridas as expectativas, celebrar a permanencia coa afección do Dépor e iso é algo que me roubaron. Afectoume de forma directa, foi coma unha puñada. E fíxome pensar, pasei por momentos de dúbida… tiña contrato nestas circunstancias, pero cando recibes un golpe así podes dubidar, e dubidei… pero tomei a decisión de seguir sendo o adestrador o ano que ven».
Iso si, unha vez aceptada a responsabilidade, Vázquez ve ao Deportivo nunha posición de privilexio para comezar a volta ao fútbol profesional: «Foi unha experiencia traumática que, coma todas, foi negativa. Pero tamén digo que depende de nós como queiramos saír desta situación. Cando dixen aquelo de volver a renacer, empezaba a admitir a situación e facendo pouco referencia ao mito do Ave Fenix, que se queimaba cada poucos anos e volvía máis rápido, sabio e forte. Neste sentido é o que temos que facer. Para iso creo que temos uns elementos de construción que son fundamentais e importantes. Conservamos a dignidade, a honra, a unidade… estamos nunha situación extraordinaria para volver a renacer. Hai os elementos axeitados para volver a subir e voar, coas ás abertas e a cabeza alta».