O Deportivo anunciou hoxe a fichaxe de Lucho García, porteiro procedente do Sevilla Atlético. O hispano-colombiano, de só 22 anos, publicou esta tarde unha mensaxe nas súas redes para arrancar esta nova etapa de branquiazul.
«Preséntase ante min o maior reto da miña carreira e prometo, dende o minuto 1, morrer en Riazor e en Abegondo por esta camiseta. A grandeza deste equipo radica no ESCUDO, na CIDADE e na AFECCIÓN. Un escudo centenario, humilde e campión. Unha cidade guerreira, branquiazul e mariñeira. Unha afección fiel, entregada e ante todo, que nunca se rende. Por iso levarei con orgullo no peito un escudo de primeira, lugar do que nunca antes tivo que marchar o Deportivo, e ao que tentaremos volver canto antes!». Con estas motivadoras palabras, Lucho súmase a campaña do clube de que #TocaVolverseMollar.
O ex do Sevilla é o segundo gardameta que chega este verán ao Deportivo, que tamén asinou a Carlos Abad, do Tenerife. Aínda que Fernando Vázquez barallou quedar con Abad de titular e o canteirán Alberto de suplente, agora terá que decidir cal das dúas incorporacións ocupa un lugar no once.
Primeiro adestramento de Lucho García en Abegondo
Uns minutos despois de que a súa incorporación ao Deportivo fora oficial, Lucho García xa saltaba ao céspede de Abegondo para completar o primeiro adestramento como branquiazul. Os catro porteiros que traballarán ás ordes de Alberto Casal, novo preparador, son o propio colombiano, Carlos Abad e os dous fabrilistas, Alberto e Pablo Brea. No caso destes últimos, a pelexa estará por ver quen gaña a partida polo rol de terceiro porteiro no caso de que as dúas novas incorporacións teñan algún tipo de problema durante a tempada.