Domingo, 14 de marzo de 2021. Asteras Trípoli e PAS Giannina enfróntanse na última xornada da fase regular da Super Liga grega. A 3.000 quilómetros da casa, o burelao Luis Fernández (1993) reencontrase co eumés Juan Domínguez (1990). Xa non comparten vestiario pero, por máis que pasen os anos, seguen tendo moitos fíos en común, iso non se perde. É un derbi na distancia, é “unha sensación especial”. Á fin e ao cabo, “reconforta ver a xente que está un pouco na mesma situación ca ti, vivindo máis ou menos o mesmo”.
No fútbol moderno o dorsal non sempre garda relación co rol dos futbolistas sobre o campo, pero neste caso si; Luis leva o ’10’ do Asteras e Juan o ’10’ do Giannina. Son pezas importantes, o domingo foron titulares e os dous completaron os 90 minutos.
“A semana previa ao partido non falamos moito. A anterior si, porque eles xogaban contra o Panathinaikos e eu desexeille sorte”, comeza Luis. Ao igual que en España, na Primeira grega, cada club debe facer as PCR nos días previos aos partidos. Nas desta última semana, o Asteras rexistrou dous positivos. Para que un encontro se suspenda, ten que haber como mínimo 5 casos, así que este ‘derbi’ non chegou a perigar. Iso si, na previa, a modo de prevención, os futbolistas dos dous equipos non se puideron mesturar. Por esa razón, o saúdo entre Fernández e Domínguez tardou máis da conta. “Cando estabamos agardando a que o árbitro pitara o inicio do partido xa nos vimos, e aí si que nos empezamos a dicir un par de cousas, xusto antes do saque”, expresa Juan Domínguez entre risas.
O duelo Luis Fernández vs Juan Domínguez
Curiosamente, non só compartiron terreo de xogo, tamén zona de influencia. No país heleno, Juan soe xogar nun dobre pivote (en 4-4-2): “Como mediocentro, axudo na saída de balón e métome entre centrais. Luis actúa como segundo punta (nun 4-2-3-1). Cada vez que eu atacaba, el defendíame a min. E ao revés tamén, eu defendíao a el”. Nese sentido, o atacante da Mariña lucense engade unha puntualización importante: “O Giannina tivo máis a pelota. Así que, por moi estrano que pareza, tiven que correr eu un pouco máis detrás de Juan que el detrás de min”, asegura. Iso si, non houbo sitio para os ‘caños’, quedaron para outro día. “Estabamos pendentes un do outro: ‘Este non me pode facer un ‘caño’, este non me pode deixar mal’… Xa estás moi pendente diso cando te atopas a alguén que coñeces”, explica Juan cun sorriso.
Desta volta, o resultado final favoreceu ao equipo máis necesitado, a vitoria foi para o PAS Giannina ante un Asteras que acusou as numerosas baixas. Os vaciles estaban claros, cáeronlle todos a Luis. “Ao final do partido fun rápido para o vestiario porque estaba enfadado, e despois fun reclamar a Juan, pero xa estaba na ducha e daquela marchei sen falar con el”, relata. Iso si, o eumés non perdoou a mensaxe de rigor: “Cando estaba no bus xa lle enviei un par de whatsapps a Luis e aí xa nos metemos un pouquiño máis de caña”.
O derbi de Barreiro
Poucas horas antes dese partido da Super Liga grega, Barreiro acolleu o derbi entre o Celta B e o Deportivo, algo que non pasou desapercibido para Juan e Luis. Tampouco para Borja Fernández, excanteirán do Celta, excompañeiro de Juan no Reus e agora futbolista do Asteras. Nárrao Luis: “Eu vin o partido antes de comer, coincidiume perfecto porque eran as 12h30 de aquí. E despois comenteino con Borja. El dixome: ‘Home, menos mal que co equipo que teñen están espertando, pero ao mellor xa é un pouco tarde’. E eu dixenlle: ‘Máis vale espertar tarde que nunca. A ver se para a semana se produce un milagre (en referencia á última xornada)’”. Na mesma liña, Juan apunta outra anécdota: “Como xa sabía o resultado, na previa do noso partido si que falei con Borja por mensaxe, e tiven que desconcentralo un pouco con ese tema”, ri.
A temporada Luis Fernández e Juan Domínguez en Grecia
Tanto Luis -que chegou en xullo do 2019- coma Juan –que firmou o verán pasado– están encantados coa aventura grega. “Cando rompin o xeonllo fun ao Dépor B a recuperarme, despois fichei polo UCAM e foron anos moi complicados, realmente. Esperaba moi pouco do fútbol xa, despois de tanta lesión e tanto problema. Agora aquí atópome nunha situación moi privilexiada, finalizando o meu contrato e pelexando por Europa con grandes equipos coma o Panathinaikos, o Olympiacos ou o AEK”, indica Luis.
Unha vez finalizada a fase regular, o ‘seu’ Asteras disputará o play-off polo título como sexto clasificado. “O noso obxectivo real era estar na situación que estamos agora, entre os seis primeiros, nunca se nos pasou pola cabeza competir cos 5 grandes, a diferenza presupostaria é enorme. Así que o play-off vai ser moi complicado, pero nós estamos aí como premio e nunca se sabe o que pode pasar”, comenta o lucense. Pola súa banda, o PAS Giannina xogará o play-out por non descender, iso si, con vantaxe sobre os rivais: “Temos a salvación case feita. Sendo só 7 partidos (unha única volta), é bastante difícil que nos remonten (12 puntos), e por iso foi tan importante gañar o outro día”, di Juan.
**No play-off, os dous primeiros xogan a previa da Champions; do 3º ao 5º van á previa da Europa League. É a dobre volta. No play-out, o último descende directo e o penúltimo xoga unha eliminatoria contra o segundo clasificado de Segunda División.
Os ultras gregos
“A sensación é que aquí o fútbol e unha relixión”, di Luis, e engade unha anécdota: “O outro día, os afeccionados do PAOK foronlle timbrar ás casas dos xogadores cando perderon contra nós, xa estamos falando de outra cousa. Aquí en Trípoli non é así, son moi forofos pero respectuosos”, conclúe.
A vida en tempos da covid
Actualmente, Grecia está confinada, os seus cidadáns só poden saír á rúa por motivos xustificados. “Tes que enviar un SMS a un número de teléfono habilitado polo goberno, dicindo o que vas facer: se vas a unha actividade física, se vas ao supermercado, se vas ao médico… A que hora vas e os teus datos. Se te para a policía pola rúa, tes que demostrar que estás facendo o que dixeches e que estás preto do teu domicilio”, comenta Juan. Para os números de teléfono estranxeiros, o sistema varía: “Nós temos un teléfono español e non chegan esas mensaxes. Entón, levamos con nós un papel que tes que cubrir cada vez que saes, por se te paran. Iso si, son bastante permisivos (os policías)”, recoñece Luis.
As tendas e os colexios gregos abriron unha semana e xa volveron pechar, a hostalería leva coa reixa baixada desde novembro, só sirve a domicilio ou en formato ‘take away’. E o toque de queda pasou das 21h ás 19h. “Aquí a sanidade non é como en España”, xustifica Luis sobre as medidas. No que si se asemellan os dous países é no seu estilo de vida máis aló da covid-19. “Ás veces quedo en shock: ‘Eu pensaba que isto ou aquilo era característico noso e vexo que aquí tamén o fan’. Teñen a mentalidade moi aberta”, comenta Juan.
Trípoli, no centro da península do Peloponeso, conta cunha poboación cercana aos 30.000 habitantes; Ioánina, no noroeste do país, anda arredor dos 100.000. Nesas dúas cidades residen e xogan ao fútbol un burelao e un eumés. Son os camiños inescrutables deste deporte. A 3.000 quilómetros da casa, Luis Fernández e Juan Domínguez experimentan novas vivencias e seguen formándose como persoas. Iso si, sen esquecer nunca as súas orixes.