Como para Cristóbal, o Barcelona – Deportivo do domingo no Camp Nou tamén será especial para Rubén Martínez. O porteiro branquiazul regresa á que foi a súa casa durante gran parte da súa adolescencia: «Sempre é especial voltar. Estiven alí 10 anos, practicamente formeime como persoa e sempre estarei vinculado a Barcelona e ó Barça». O de Coristano recorda como foi o momento de abandonar o equipo culé: «Chega un momento no que tes que tomar unha decisión. Eu tiña claro que quería ser profesional, ves que se cerran as portas do primeiro equipo e xa non tes idade para o filial… doe despois de tantos antos, pero marchei cando tiña que marchar».
Agora regresa despois de conseguir deixar a portería a cero por primeira vez no Deportivo, algo que sube a confianza propia e tamén colectiva: «Gañar con boas sensacións e con bo xogo sempre da un plus para ir a un campo así. Gañar como lle gañamos ó Leganés, sen encaixar… o equipo estivo espectacular e non concedimos nada. E despois arriba temos xente con calidade para crear ocasións».
De todos xeitos, Rubén ten claro a difícil misión que supón xogar contra o Barcelona no seu campo: «É unha visita moi complicada. É un partido bonito de xogar, pero sobre todo moi complicado. Enfrontarse a eses xogadores… son os mellores do mundo. É moi difícil defendelos, correr detrás do balón, tes que traballar en defensa moito e despois estás cansado cando recuperas a pelota. Necesitamos a concentración de todos e facer un partido perfecto. Que eles non teñan o seu mellor día, ou provocalo nós. Temos que ir con mentalidade positiva».
Se logramos a fazaña, que sexa contra todos e ó máximo nivel, así poderemos dicir que gañamos con maiúsculas
Malia as críticas que está recibindo o Barcelona polo seu xogo, Rubén ve o rival do domingo igual de forte que sempre: «No fútbol mandan os resultados, se tes resultados é que fas as cousas ben. Está sendo tanto ou máis eficaz que outros anos«. Ademais, o gardameta espera que Valverde non faga rotacións pensando no Clásico: «Se logramos a fazaña de gañar alí, que sexa con todos e ó máximo nivel. Así poderemos dicir que gañamos con maiúsculas».
Para rematar, Rubén lembrou os primeiros pasos de Iniesta e Messi, asegurando que «de pequenos xa destacaban, Iniesta é da miña quinta e xa se vía que, se algún chegaba, sería el. Messi, outro tanto. É difícil dicir que iban gañar o que gañaron, pero destacaban». Nese sentido, o galego, coma Carles Gil, tamén se decanta por Messi como o máis grande de todos os tempos: «Sempre vai haber o debate entre el ou Cristiano. Penso que se benefician un do outro porque compiten entre eles. Pero para min o mellor é Messi. Cristiano é un dos mellores tamén, pero a nivel personal penso que Messi é o mellor da historia«.