Parecía claro que as palabras de Javier Tebas hai uns días sobre o Caso Fuenlabrada, aproveitando de novo para atacar ao Deportivo, non ían quedar sen resposta. Onte foi Álex Bergantiños o que contestou e esta mañá fíxoo Fernando Vázquez, que foi duro co presidente da Liga: «Paréceme eticamente deshonesto e tramposo. Minte sabendo que está mentindo. Pero el é así, que lle imos facer. Non me parece moi complicado entender o que pasou e razoalo entre persoas intelixentes. El está obcecado e quere expor nos medios que lle interesa a súa película para vendela. Non hai contraposición, porque o Depor quere superar esta situación, pero demostra con estas declaracións que minte descaradamente. Quen queira comprar, compra, pero os deportivistas non compramos esa mensaxe«.
O técnico de Castrofeito aínda ten esperanzas de que a xustiza dea resultado: «Se a xustiza é tan independente como nos queren facer ver, Tebas xa tería que ter declarado hai tempo. Eu confío na xustiza ordinaria, que poña a cada quen no seu sitio e que o relato sexa tal e como foi«.
Fernando Vázquez e a súa solidariedade con Álvaro Cervera
Pero a Fernando Vázquez aínda lle quedaba algo máis para repartir e aproveitando a súa volta ao banco despois de 9 partidos de sanción, defendeu ao seu colega Álvaro Cervera, adestrador do Cádiz, ao que lle acaban de caer 4 encontros por criticar a un árbitro: «Teño moitas ganas de volver, claro. Incribles gañas de volver. Esperemos que sexa positivo para o equipo. O equipo estaba gañando sen min… (risas). Considero que é importante e espero non volver a recaer na mesma situación. Aínda que visto o que lle pasou ao técnico do Cádiz, nunca se sabe. Unha situación para min kafkiana… parece que os adestradores estamos un pouco abandonados neste sentido. Paréceme un atentado á liberdade de expresión, liberdade de poder dicir unha opinión sobre unha arbitraxe. Ti non opinas sobre o árbitro, opinas sobre el regulamento e non debería ser cuestionable. Non debería levar a unha sanción de 4 partidos, paréceme unha animalada».