Sabedores da necesidade de economizar gastos, facemos algo nunca fixéramos: aproveitamos a viaxe para manter dúas conversas diferentes. Así que continuamos no 1 de setembro de 1955. Tras o bo momento vivido no vestiario de Riazor durante a nosa entrevista a Pahíño, dirixímonos a unha cafetería próxima ao estadio. Alí quedaramos de vernos co mítico Juan Acuña. O porteiro, con máis de quince anos de carreira no Deportivo da Coruña, está xa na derradeira etapa da súa vida deportiva.
Recíbenos sentado nunha mesa da terraza, acenando alegre para indicarnos a súa posición. O serán botouse devagar enriba da baía coruñesa, e o sol loce no horizonte atlántico como unha cereixa madura a tinguir co seu zume as barrigas das nubes. A temperatura é agradábel, o ambiente xovial. O Deportivo vén de gañar o primeiro trofeo Teresa Herrera da súa historia, o que semella que ergueu a ombros a propia cidade, que se ve máis alta, máis rotunda, como unha mesa preparada para un banquete de voda.
«Non fiquen de pé. Senten comigo por favor. Toman algo?». Intuimos un home humilde, ponderado e simpático. Pedimos dúas cervexas e sentamos canda el. “Xanetas” está a dar boa conta dun bocadillo de luras. «Os partidos déixanme esfameado», confesa.
Queremos dicirlle, en primeiro lugar, que como deportivistas é unha honra poder entrevistalo.
Grazas, home, moitas grazas! Para min será tamén un pracer axudalos no que poida.
Gustaríanos, ao longo da conversa, repasar globalmente a súa carreira.
Iso déixame mal corpo. É o adoita facerse cando un se retira.
[Ficamos un chisco contrariados, sen saber que dicir]
Malia a súa xuventude (32 anos) conta cunha dilatada experiencia. A iso nos referiamos.
Boa saída! [Acuña ri] Empecei moi novo. Teñan en conta que debutei co Deportivo sendo practicamente un neno.
Un debut que se produciu por casualidade, pode dicirse.
Asi foi. No ano 38 eu xogaba no Eureka. Tiña só catorce aniños. O Deportivo ía xogar un partido en Compostela, mais faltáballe o porteiro. Alguén lles falou aos técnicos de min e viñeron verme de incógnito. Debeu de gustarlles o que viron, porque me chamaron para xogar ese partido en Santiago. E eu encantado, claro!
Así conseguiu o seu primeiro contrato profesional.
Asineino cando acabou a guerra. Nada menos que 300 pesetas ao mes. Poden imaxinar o que daquela supuña para un rapaz coma min. Aínda que era moi novo, tiña personalidade dabondo. Con dezaseis anos era xa titular no Deportivo.
Fálenos agora un pouco das súas características como porteiro.
Gústame, sobre todo, dominar a miña área. Son moi mandón. A área é a miña casa e non me gustan os intrusos. Teño tamén bos reflexos, o que pode sorprender debido á miña corpulencia. E despois son valente nas saídas. É a miña principal característica como porteiro. Nun despexe cos puños podo chegar até o centro do campo!
Esta característica que sinala, a das saídas, tenlle dado moitas alegrías, mais tamén algún desgusto.
A que se refire?
Por exemplo: en 1940, nunha saída de puños, sufriu unha luxación de ombro.
Coido que non pasei tanta dor na miña vida! Aínda así, ás topadas, acabei callando bos partidos. Esa foi a tempada na que ascendimos a primeira división, nun partido contra o Murcia.
E outro exemplo máis do seu ímpeto nas saídas: na 49-50 tirouse aos pés de Rafa, dianteiro do Valladolid, e fracturoulle unha perna.
[O xesto de “Xanetas” escurécese]
Aquilo foi totalmente fortuíto. Foi moi inxusta toda a campaña que se montou na miña contra. Sancionáronme sen xogar até que Rafa se recuperou.
Cambiando agora de tema: como lembra o seu debut internacional?
Con certa nostalxia. Pasou xa tanto tempo… Dezasete anos tiña! Era practicamente un neno. Fora xa convocado para dous partidos contra Portugal, un en Madrid e outro en Lisboa, mais non xoguei ningún dos dous. A miña oportunidade chegou en Valencia contra Suíza, cando tiven que entrar ao campo para substituír o porteiro titular. Desde entón, fun convocado outras quince veces coa selección española. Porén, non volvín xogar.
Chegamos aquí a un dos temas máis complicados da nosa conversa. Sendo vostede, indubidabelmente, un dos mellores gardametas dos últimos anos, sorprenden esas poucas oportunidades que tivo na selección. Mesmo semella estar “vetado”, por dicilo dalgún xeito. É certo que tivo problemas con Guillermo Eizaguirre, seleccionador español no Mundial de Brasil?
Algo houbo. Máis que un problema, tratouse dun grande equívoco. Xa que estamos en confianza, voulles contar a anécdota: Eu fun preseleccionado para xogar o Mundial de Brasil. O porteiro titular ía ser outro Eizaguirre, Iñaki, o do Valencia. Eu ía como segundo porteiro e Ramallets como terceiro. Estabamos preparando a viaxe no aeroporto de Barajas cando lle escoitei dicir ao seleccionador: “As maletas que as cargue o galego!”. Referíase a un dos moitos galegos que se dedican a cargar equipaxes en Barajas. Pola contra, eu pensei que se refería a min. Ferveume o sangue e reaccionei de mal modo: “As maletas vainas cargar a túa puta nai”, díxenlle. Púxose como unha fera. “Vostede non sube ao avión. Non vai ao Mundial. Fica en terra”. Finalmente, despois dun tirapuxa, si fun ao Mundial. Disque o propio Franco sentía debilidade por min, e iso inclinou a balanza. Aínda así, non xoguei nin un minuto. Contra Estados Unidos, no primeiro partido, Iñaki Eizaguirre fixo un partido horroroso que o relegou ao banco. Mais o seleccionador optou por Ramallets nos seguintes encontros.
Falemos entón agora de temas máis alegres. Quero que repase connosco os seus mellores momentos baixo a portería.
Como dicían vostedes ao principio desta conversa, teño xa unha carreira longa ás miñas costas, así que houbo de todo. Momento máis feliz? Pois sen dúbida a consecución do subcampionato de liga, na tempada 1949-1950. Despois, a título individual, os catro trofeos Zamora que gañei.
E algunha parada que lembre de xeito especial?
Talvez unha do ano 41. Xa choveu! Detívenlle a Campanal un xute a boca de cano ao ángulo da portería. O campo de xogo encheuse de chaquetas, gorras e mesmo zapatos. Foi unha tolemia! O árbitro tivo que suspender o partido durante uns minutos. O propio Campanal felicitoume pola parada cun grande abrazo.
Moi comentados foron tamén, ao longo da súa carreira, os seus problemas de peso.
Para ser xustos teño que aclarar que os problemas comezaron no ano 45. Até entón mantivera sempre unha boa forma. Que podo dicirlles? Gústame comer, iso é certo. Cando Helenio Herrera fichou polo Deportivo, o primeiro que fixo foi interesarse polo meu peso. Miroume de abaixo a arriba e espetoume: “Está vostede gordo de máis para xogar a nada”. Púxome a réxime. Ao mediodía podía comer o que eu quixese; pola tarde, un bocadillo de xamón ou de queixo; e á cea, un vaso de leite e dous plátanos. En vinte e dous días adelgacei oito quilos.
Chama tamén a atención a súa fidelidade co Deportivo. Seguro que tivo moitas ofertas para cambiar de aires.
Tiven ofertas importantes de clubs importantes, mais déronme o mesmo. Non son quen de imaxinarme defendendo outras cores que non sexan as do Deportivo.
E xa para rematar: moitos dianteiros rivais expresaron en máis dunha ocasión a súa admiración por vostede. Supoño que iso é un motivo de orgullo, non si?
É unha das cousas máis bonitas que me deu este deporte, o cariño dos rivais. Eu enfronteime a dianteiros como Basilio, Zarra, Araújo, Martín, Campanal, etc. Auténticas figuras. Todos eles manifestaron o difícil que era marcarme un gol. E non só os rivais! Lembro pararlle algún tiro a Chacho nos adestramentos e velo coas mans na cabeza berrando: “como puideches parar iso? É imposíbel!”